
19 Nov Andamos coxos da linguaxe 3ª edición
A Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade presenta a 3ª edición da campaña “Andamos coxos da linguaxe” con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade
O día 3 de decembro celébrase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade co obxectivo de promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidade en tódolos ámbitos da sociedade e, dende a Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade, poñemos en marcha a 3ª edición da campaña “Andamos coxos da linguaxe”, unha iniciativa que busca facer visible a forza e o impacto que ten a linguaxe na percepción social da discapacidade.
Esta campaña, que naceu no ano 2023, parte da idea de que a linguaxe é unha ferramenta poderosa: pode abrir camiños ou levantar barreiras. Con frecuencia utilizamos frases, expresións ou termos que cremos inofensivos —“non son para tanto”—, pero que poden ferir, reducir ou perpetuar prexuízos. Con “Andamos coxos da linguaxe” queremos convidar á reflexión e á empatía, para que cada persoa tome conciencia do peso das palabras e da importancia de empregar unha linguaxe máis respectuosa, igualitaria e inclusiva.
Durante as últimas semanas, as persoas participantes na asociación realizaron varias sesións de traballo e diálogo para analizar o papel da linguaxe na súa vida cotiá. Desta reflexión común xurdiu a campaña deste ano, que encherá as rúas con carteis nos que se recollen expresións reais que a xente adoita dicir sobre as persoas con discapacidade. Cada un destes carteis incorpora un código QR que leva a vídeos testemuño, nos que as propias persoas con discapacidade comparten as súas experiencias, sentimentos e opinións sobre o uso da linguaxe, desmontando estereotipos e convidando á sociedade a cambiar a mirada e reflexionar sobre a importancia de mellorar a maneira de comunicarnos coas demais persoas.
Con esta acción, pretendemos achegar a realidade da discapacidade á cidadanía, facendo visible que o cambio comeza nas pequenas cousas, tamén nas palabras que escollemos para comunicarnos. En cada un/unha de nós está a posibilidade de transformar a sociedade, poñendo un grao de area para construír un mundo máis inclusivo e respectuoso.
A exposición dos carteis estará visible nas rúas dos concellos do Baixo Miño así como nas redes sociais durante a primeira semana de decembro, coincidindo co Día Internacional das Persoas con Discapacidade.
Queremos agradecer a todas as persoas que colaboraron neste proxecto para poder levalo a cabo, tanto nesta edición como nas anteriores e que nos convidaron a compartir as súas experiencias. Tamén aos concellos do Baixo Miño que aceptaron o noso convite a colaborar na difusión da campaña e así poder ter un maior alcance.










