
29 Nov Andamos Coxos Da Linguaxe (ano 2024)
Este ano polo Día Internacional das Persoas con Discapacidade continuamos coa campaña comezada en 2023: Andamos Coxos da Linguaxe. Decidimos a súa continuación xa que nos parece abosolutamente necesario visibilizar unha realidade tan común e que pasa tan desapercibida como é a nosa forma de expresarnos, con frases ou termos que cremos que “non son para tanto”, pero que non temos nin idea, as veces, do dano que poden facer. En cada un/unha de nós, coa nosa forma de transmitir, de comunicar, podemos axudar e por un grao de area para mudar a realidade.
Dende Vontade continuamos traballando cada día para defender os dereitos das persoas con discapacidade.
Queremos agradecer ás persoas que colaboraron neste proxecto para poder levalo a cabo.
“Mira como fala/anda… parece subnormal”
Este tipo de frase reforza estereotipos e prexuízos, deshumanizando ás persoas con discapacidade. Empregar termos pexorativos e ofensivos como “subnormal” desvaloriza á persoa, favorecendo a discriminación, utilizando un termo de maneira negativa para describir a súa maneira de andar ou falar, fomentando a burla e a exclusión, e esquecendo que a diversidade en habilidades é parte da condición humana. O termo “subnormal” ven de utilizarse históricamente para denigrar ou insultar.
Esta expresión reforza a idea de que certas formas de ser ou de comportarse son inferiores, fomentando actitudes de exclusión e discriminación.
“Se van ir ó baño, que o deixen limpo ”
Esta frase presupón que as persoas con discapacidade non son capaces de manter a hixiene ou de respectar os espazos compartidos, reforzando prexuízos negativos. Implica que, pola súa discapacidade, precisan unha advertencia especial, o que contribúe á discriminación e ao trato desigual.
A linguaxe non só describe, senón que dá forma a como percibimos e tratamos ás persoas. Facer suposicións baseadas en prexuízos reflicte e perpetúa estereotipos inxustos. Falar dende o respecto, promove unha sociedade máis igualitaria e inclusiva, na que todas as persoas sexan tratadas con dignidade e confianza.
“O teu fillo a túa filla non ten ningún problema, o que ten e moito mimo e falta de man dura
Esta frase nega ou minimiza as necesidades específicas dun neno ou nena con discapacidade, neste caso, en relación ó TEA (Trastorno do Espectro Autista), atribuíndo o seu comportamento á falta de disciplina ou a unha crianza “errónea”. Este tipo de comentarios non só culpabilizan ás familias, senón que tamén invisibilizan a condición do neno ou nena, dificultando a comprensión e o apoio necesarios.
A linguaxe que empregamos constrúe realidades. Comentarios como este reflicten un descoñecemento profundo sobre as discapacidades e contribúen a estigmatizar tanto aos nenos e nenas como ás súas familias. Empregar unha linguaxe respectuosa e informada axuda a visibilizar as diversidades, promover a empatía e crear unha sociedade máis inclusiva que entenda e valore as necesidades individuais de cada persoa.
“Ese neno esa nena con problemas non debería xogar ao fútbol”
Esta expresión exclúe directamente a un neno ou nena con discapacidade ó consideralo incapaz de participar nunha actividade tan normalizada como xogar ao fútbol. Refírese a el coma “un/unha neno/a con problemas”, reducindo a súa identidade a unha percepción negativa, e reforza a idea de que as persoas con discapacidade non poden ou non deben participar en actividades colectivas, limitando as súas oportunidades, e desvalorizando as súas capacidades.
Isto reflicte a realidade de moitas persoas con discapacidade que se ven condicionadas por barreiras sociais e prexuízos externos, máis que polas súas propias capacidades, ó asumir de maneira paternalista ou discriminatoria o que poden ou non poden facer, privándoas da oportunidade de demostrar as súas habilidades e de desenvolvelas plenamente.
A linguaxe que empregamos inflúe na construcción das oportunidades ou das barreiras que enfrentan as persoas. Ó empregar unha linguaxe inclusiva e libre de prexuízos, podemos contribuír a eliminar as limitacións impostas dende fóra, creando espazos onde cada persoa sexa valorada polas súas capacidades e teña a oportunidade de participar plenamente na sociedade.










