
20 Xul Camiño de Santiago dende o Camiño do Seixo ata o Mosteiro de Oia.
En esta ocasión regresamos ó concello de Oia onde percorremos un pequeno tramo do camiño de Santiago (aínda que o faremos en sentido contrario aos peregrinos): dende o Camiño do Seixo (Bar A Riña) ata o Mosteiro de Oia.
Trátase dunha ruta lineal de dificultade moderada debido ós desniveis do principio e do final, e do feito de non contar con zonas de descanso.
A ruta si conta cunha praza de mobilidade reducida no inicio da ruta e dúas mais ó final.
O pavimento cambia ao longo do percorrido e combina beirarrúa, asfalto, terra prensada e pedra.
Aínda que non hai baños públicos accesibles, varios bares dos arredores teñen baños adaptados.
Realizamos esta ruta un grupo de persoas usuarias de cadeiras de rodas manuais que precisan apoio doutras persoas para impulsarse, e persoas con dificultade para camiñar que necesitan facer descansos frecuentes.
Comezamos a ruta pola beirarrúa ata chegar ao letreiro que indica a entrada do “Camiño do Seixo”. Neste punto hai unha baixada cunha pendente importante e o estado do pavimento non é bo, o que pode dificultar o descenso.
Ao rematar a baixada atopamos unha bifurcación. Debemos seguir polo camiño da dereita.
Neste tramo hai unha forte pendente, polo que recomendamos contar con axuda se utilizas cadeira de rodas. Algunhas persoas do grupo baixaron de costas (con axuda claro) para facelo con máis seguridade.
Neste punto o pavimento pasa a ser de asfalto e o seu estado mellora considerablemente.
Pouco despois, o Camiño do Seixo únese ao Camiño de Santiago. Neste punto o pavimento cambia a terra prensada. Xusto na unión dos dous camiños hai varias fochancas (como podes ver nas fotos), polo que é recomendable pasar con precaución.
En xeral, este tramo do Camiño de Santiago ten un firme de terra prensada en bo estado, ainda que nalgúns puntos hai grava solta.
O estado do camiño pode cambiar segundo as condicións meteorolóxicas anteriores.
Durante o percorrido poderás gozar da paisaxe. Á esquerda verás o monte da Valga e á dereita o mar.
Acabado o tramo do iño de Santiago, prodúcese un novo cambio de pavimento pasando novamente a asfalto. Este punto volve presentar un pequeno desnivel neste caso fácil de superar.
Despois dunha pequena subida chegamos a outra bifurcación. Debemos seguir pola dereita en dirección ao Mosteiro de Oia. Neste tramo circulamos por unha estrada sen beirarrúas, polo que é importante extremar a precaución.
Estamos chegando ao mosteiro de Oia, e o pavimento pasa a ser de pedra e atópase en moi bo estado. Aínda que o principio e chá, finaliza cunha forte pendente na que podes precisar axuda. Hai que ter en conta en este tramo que o terreo non é únicamente peonil xa que tamén circulan vehículos.
Tamén cabe destacar que cando hai temporal a zona pode estar esvaradía. 
Chegamos ao final da ruta podemos complementala coa ruta que fixemos por este barrio “Oia-Barrio do Arrabal”. Nesta zona atoparás dúas prazas de aparcamento para mobilidade reducida, e algúns dos bares teñen baños adaptados.
Esta é a ruta accesible que fixemos dende Wikiloc. Espero que vos resulte útil.














