
17 Mar Horta terapeútica accesible
A Asociación Vontade continúa desenvolvendo o proxecto de horta terapéutica accesible, unha iniciativa orientada a promover o benestar e a participación social das persoas con discapacidade a través de actividades de horticultura adaptada. Este proxecto foi posible grazas á colaboración e ao apoio da Deputación de Pontevedra, que contribuíu á súa posta en marcha, permitindo avanzar na creación de espazos máis accesibles e inclusivos.
O proxecto consistiu na adecuación dun espazo dos xardíns da sede da entidade mediante a instalación de bancais elevados accesibles, que permiten que persoas con mobilidade reducida ou usuarias de cadeira de rodas poidan participar nas tarefas da horta de maneira cómoda e segura. Ademais, realizouse a preparación do terreo e a instalación dun peche adaptado, co obxectivo de garantir a accesibilidade e o correcto mantemento da zona.
As obras de adaptación remataron hai uns meses, coincidindo coa época invernal. Durante este período, as actividades relacionadas co proxecto desenvolvéronse no interior do centro a través de obradoiros e sesións formativas sobre horticultura ecolóxica, coidado das plantas e hábitos de alimentación saudable.
Coa chegada da primavera, comezan agora os traballos na horta, iniciando as tarefas de preparación da terra, sementeira e organización dos cultivos. A actividade desenvolverase de maneira regular e adaptada ás capacidades de cada persoa participante, fomentando o traballo en equipo, a actividade física e o contacto coa natureza.
No proxecto participan persoas usuarias da Asociación Vontade xunto cun grupo de persoas maiores do Centro de Día de Tomiño, favorecendo así un espazo de encontro interxeracional no que compartir experiencias, coñecementos e momentos de convivencia.
A horta terapéutica converterase deste xeito nun lugar de aprendizaxe, colaboración e benestar, contribuíndo a reforzar hábitos saudables, reducir o sedentarismo e fomentar a inclusión social.
Desde a Asociación Vontade queremos agradecer especialmente á Deputación de Pontevedra o seu apoio, fundamental para facer realidade este proxecto e seguir impulsando iniciativas que melloren a calidade de vida das persoas con discapacidade e fomenten a súa participación activa na comunidade.










