
25 Nov “Gústanos o teu currículo pero o lugar de traballo non é accesible”
A falta de accesibilidade no emprego é unha dificultade que acompaña con moita frecuencia ás persoas con discapacidade física.
Negar unha oportunidade laboral por non dispor dun espazo accesible non é só unha cuestión técnica, tamén o é de dereitos e de desigualdade de dereitos.
A pesar de que a accesibilidade é unha obriga das empresas e administracións, e non unha responsabilidade da persoa candidata, segue sendo a realidade do seu día a día, xerando perda de motivación, frustración, e sentimentos de exclusión e rexeitamento.
As persoas con discapacidade teñen a mesma valía profesional, formación e motivación que calquera outra. Se non poden acceder a un posto é porque o entorno non está adaptado, non porque lles falten capacidades.
A accesibilidade non é un luxo, é unha condición imprescindible para a igualdade de oportunidades e significa eliminar barreiras arquitectónicas, comunicativas e organizativas que impiden que tódalas persoas poidan traballar en condicións dignas.
Esta frase non só pecha unha porta laboral, tamén abre unha ferida emocional. Transformala en accións inclusivas é o camiño para garantir a igualdade real de oportunidades.










