
16 Set Proxecto de optimización do sistema enerxético do CRD Vontade
A Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade completou o “Proxecto de optimización do sistema enerxético do CRD Vontade”, unha actuación que permitiu modernizar o sistema de almacenamento da instalación solar fotovoltaica do Centro de Recursos para a Discapacidade.
Coa substitución das baterías existentes por un novo sistema de almacenamento máis eficiente, o centro mellorou o aproveitamento da enerxía renovable xerada polas placas solares, reduciu a dependencia da rede eléctrica e avanzou cara a un modelo de funcionamento máis sostible e respectuoso co medio ambiente.
A actuación tamén reforzou a seguridade e a continuidade dos servizos, xa que o novo sistema permite manter en funcionamento os equipos e servizos esenciais durante incidencias na subministración eléctrica, contribuíndo a que a atención ás persoas usuarias non se vexa interrompida.
Esta mellora forma parte do compromiso permanente da nosa entidade coa innovación, a eficiencia e a prestación de servizos de calidade ás persoas con discapacidade física da comarca do Baixo Miño e concellos limítrofes.
O “Proxecto de optimización do sistema enerxético do CRD Vontade” foi financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, ao abeiro da Liña IV das subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do IRPF, e foi xestionado por COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade).
Desde a Asociación Vontade queremos expresar o noso agradecemento á Xunta de Galicia e a COGAMI por facer posible esta actuación, que contribúe a seguir mellorando os recursos e servizos que ofrecemos ás persoas usuarias do noso centro.










