
21 Out Parque do castelinho
Hoxe, presentámosvos unha ruta que frecuentamos moito, trátase dun paseo polo parque de Vilanova, que se atopa na Ecopista. Unha ruta lineal dende o parque do Castelinho ata a Praia da Mota cunha dificultade sinxela para un grupo como o noso: unha serie de persoas en cadeira de rodas e outras con dificultade na marcha que precisan apoio e paradas habituais no camiño.
A única ca dificultade que podes atopar é a súa lonxitude.
É unha ruta que por si soa, está ben, pero ademais recomendámoscha se vas vir a realizar unha saída con sen amarras , xa que o barco sae xusto do outro lado da ponte internacional.
Aparcamos nunha praza reservada de mobilidade reducida xusto no inicio do paseo (Ao longo desta estrada existen varias prazas reservadas) . Inmediatamente iniciamos a ruta na entrada do parque do Castelinho, xusto ó lado da subida ó mercado de Vilanova que se celebra os sábados.
Neste lugar atopamos un peirao e varias esculturas.
Parte da ruta, compártese co camiño Portugués e durante toda a ruta desfrutarás dun camiño de formigón pintado. Atópase en boas condicións. Na primeira zona os bancos son moi habituais, despois distáncianse, aínda que seguen existindo.
Neste punto, hai un panel informativo, que nos fala do rio e de embarcacións. Non é accesible nin pola súa altura, nin proporciona información en lectura doada nin en braille . 
Despois, atravesamos o Parque do Castelinho, no que atopamos diversas zonas de lecer: Parque infantil, con bambáns para diversas idades, pistas de deporte como minigolf, zonas de picnic, parque acuático e un museo do Miño. 
Tamén podemos atopar unha zona con diferentes máquinas para facer deporte que se atopa en boas condicións de mantemento, mesas cos seus respectivos bancos nos que a xente poderá tomar algo, unha fonte de auga accesible, e unha area moi ampla de esparcemento infantil moi accesible para que os peques poidan desfrutar do lugar. 
Ademais, atoparedes un pequeno minigolf que é de pago e abre os fins de semana, e por último, un dos atractivos do parque: o seu parque con chorros de auga, aberto durante a época estival. 
Na metade do paseo podemos atopar bancos de madeira no que poder descansar para seguir a ruta. Ademais dunha pequena charca chea de ras, e unha pequena zona con diferentes árbores a modo xardín botánico.
durante o traxecto , pódese contemplar a grandeza do Rio Miño en todo o seu esplendor.
Tamén algunhas esculturas e ao fondo, observarás a fortaleza de Goian co seu embarcadoiro, accesible por certo.
Chegando ao final da ruta, observarás un pequeno tramo de apenas uns metros de Badoquiña, indican a chegada a unha zona na que poden entrar vehículos e aparcar. Despois de uns metros de terra, volve a badoquiña a zona de estrada, e aparece unha pasarela de madeira que será por onde continuaremos .
Trátase do derradeiro tramo do camiño que nos leva ata a Praia da Mota. Comeza cunha suave pendente e atópase en boas condicións. Como se observa na foto, a natureza intégrase no pavimento de madeira que hai no final do camiño. 
Ó final do traxecto realizámolo na Praia da Mota. Alí o pavimento pasa de madeira a badoquiñas. Hai tamén unhas preciosas vistas do Río. Existe bancos para facer un pequeno descanso para coller folgos para o tramo final.
Podes alargar a ruta todo o que queiras, pero ten en conta que moitas zonas non se pode acercar un vehículo así que calcula ter enerxías para a volta. 
Esta é a ruta accesible que fixemos dende Wikiloc. Esperamos que vos resulte útil.













