
01 Xul Programa de atención temperá e discapacidade infantil
Seguimos impulsando o noso Programa de atención temperá e discapacidade infantil grazas á financiación do 0,7% do IRPF
Na Asociación Vontade continuamos desenvolvendo durante este ano o noso Programa de atención temperá e discapacidade infantil grazas á colaboración da Xunta de Galicia, a través das subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF, xestionadas pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI).
A través deste programa complementamos o servizo de Atención Temperá da Mancomunidade do Baixo Miño, dirixido a nenos e nenas menores de 6 anos e ás súas familias. Mentres o recurso público conta con profesionais de fisioterapia, psicoloxía e logopedia, desde Vontade ofrecemos o servizo de Terapia Ocupacional para contribuír a unha atención máis completa e adaptada ás necesidades de cada menor.
Ademais, mantemos o noso servizo específico de atención á infancia para nenos e nenas de entre 6 e 17 anos, permitindo dar continuidade ao apoio terapéutico unha vez rematada a etapa de atención temperá. Este acompañamento é fundamental para moitas familias que continúan precisando apoio especializado.
A nosa intervención baséase no xogo e nas actividades da vida diaria, traballando aspectos como a autonomía persoal, a motricidade fina, as funcións executivas, as habilidades sociais e comunicativas ou a grafomotricidade. Todo isto desenvólvese de maneira individualizada e en coordinación cos centros educativos, servizos sociais e demais profesionais implicados, ofrecendo tamén orientación e acompañamento ás familias.
Ademais do desenvolvemento do programa de infancia, esta convocatoria permitiunos realizar unha mellora importante nas instalacións da entidade mediante a renovación dos equipos de almacenamento enerxético do centro. A nosa sede conta cun sistema de placas solares que favorece a produción de enerxía limpa e a redución do consumo eléctrico, polo que contar cun sistema de almacenamento eficiente resulta fundamental para optimizar o aproveitamento desa enerxía e garantir o correcto funcionamento diario dos servizos.
Con esta actuación seguimos avanzando no noso compromiso coa sustentabilidade ambiental, a eficiencia enerxética e a mellora continua dos espazos e recursos que utilizamos no día a día.
Queremos destacar tamén a importancia do X Solidario da declaración da renda, xa que grazas ás persoas que marcan o recadro de “Actividades de interese xeral consideradas de interese social” fanse posibles proxectos como este, que contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias.










