
05 Dec PROGRAMA DE PREVENCIÓN E ATENCIÓN DOS TRASTORNOS DO DESENVOLVEMENTO INFANTIL
Falta pouco para o remate do ano e para as tan agardadas vacacións de Nadal, unhas datas cheas de ilusión para toda a cativada. Este tempo convida tamén a mirar atrás e recoñecer o esforzo, os avances e o compromiso de todas as persoas que forman parte de Vontade ao longo deste ano.
Ao longo de 2025 pasaron por Vontade arredor de 60 crianzas que recibiron atención de terapia ocupacional en apoio ao servizo de atención temperá da Mancomunidade do Baixo Miño. Trátase de menores de 16 anos con dificultades no desenvolvemento, con algún tipo de discapacidade ou en risco de tela, que atopan neste recurso un apoio especializado e continuo.
Ademais da terapia ocupacional, a cativada beneficiouse doutras intervencións profesionais como psicoloxía, fisioterapia e logopedia, que permiten abordar de maneira integral as diferentes áreas do seu desenvolvemento. Así mesmo, as familias contaron co acompañamento e asesoramento do servizo de traballo social, para apoiar na xestión de recursos, prestacións e necesidades do día a día.
O proxecto desenvólvese sempre en coordinación coas familias, cos centros educativos e con outros servizos e axentes sociais implicados, co obxectivo de garantir unha atención o máis completa e coherente posible. Este traballo en rede facilita que as melloras acadadas nas sesións se trasladen ao fogar, á escola e á comunidade, favorecendo a participación e a autonomía das crianzas en todos os contextos.
Este proxecto é posible un ano máis grazas ao financiamento da Fundación ONCE, que aposta pola inclusión e pola mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade a través do apoio a iniciativas sociais en todo o territorio. O seu respaldo, xunto co compromiso das familias, do equipo profesional e das entidades colaboradoras, permite que Vontade poida seguir ofrecendo un servizo próximo, especializado e de calidade ás familias do Baixo Miño.










