
25 Nov “Coidado que será discapacitado pero é moi listo”
Un prexuízo habitual que sofren as persoas con discapacidade é que a discapacidade e a intelixencia son incompatibles.
Aínda que a primeira vista esta frase pode parecernos un cumprido, é outro exemplo de microdiscriminación ou capacitismo sutil.
Aínda que de forma habitual se emprega esta frase sen ningún tipo de maldade, cando se di “pero é moi listo”, estamos a transmitir, sen decatarnos, unha idea implícita: ter unha discapacidade supón automaticamente unha limitación nas capacidades intelectuais ou habilidades da persoa.
Trátase dun prexuízo estendido que fai que se contrapoñan, como se fosen incompatibles, as ideas de discapacidade e intelixencia.
Para os nenos e nenas, esta mensaxe pode provocar confusión, inseguridade e sentimentos de ser unha excepción, obrigándoos a “demostrar” o seu valor.
A discapacidade non define as capacidades nin o talento dunha persoa. Ter unha limitación non é un obstáculo natural para aprender, pensar ou destacar. Cada neno e nena conta con fortalezas, talentos e necesidades propias, e todas elas deben ser recoñecidas e respectadas sen comparacións nin estereotipos.
O respecto comeza pola linguaxe: eloxiar ás persoas sen ligar o seu valor á discapacidade axuda a construír unha sociedade máis inclusiva e empática.










