
10 Set BAIONA: Praia da Ladeira a Parador pasando polo Río Baiña
A ruta que vos propoñemos hoxe, é unha ruta lineal que iniciamos na praia da Ladeira e rematamos no Parador de Baiona, facendo un desvío no camiño para percorrer o primeiro tramo do río Baíña. Podes unila se queres coa ruta ao redor a Monte boi que publicamos anteriormente.
Trátase dunha ruta fácil, con poucos desniveis, bo pavimento, e moitos bancos nos que descansar.
A única dificultade que podes atopar, se tes problemas de deambulación é unha pronunciada pendente, duns poucos metros ao final do tramo do río, e a extensión da ruta, facilmente adaptable as túas necesidades.
O chan varía moito durante a ruta: badoquiña, pedra, madeira, asfalto… en xeral atópase en bo estado.
Realizamos esta ruta un grupo de persoas usuarias de cadeira de rodas manual que precisamos axuda para impulsala, cadeira eléctrica, e persoas con dificultades de deambulación.
Iniciamos a nosa ruta aparcando. No noso caso, deixamos as furgos na praia da Ladeira.
Aquí hai varias prazas de mobilidade reducida, en este punto concreto atópanse dúas. Son prazas en batería, polo que os coches entran sen problema, pero se levas un furgón moi largo non colles. de ser así, recomendámoste que sigas cara ó final desta rúa onde hai prazas mais longas pensadas para furgonetas e caravanas. Dende aquí, podemos acceder ó paseo marítimo polas ramplas de acceso.
O primeiro tramo do paseo atópase en moi bo estado. O pavimento é de badoquiña, pero non molesta ao pasar coas cadeiras de rodas. Ten unha zona a dereita de carril bici. Conta con varios bancos.
Tomamos dirección a Baiona, é dicir, se estás mirando ao mar, cara a esquerda.
Dende aquí, pódese desfrutar das vistas da praia de Ladeira (Por certo, esta é unha das praias que cada verán conta con cadeira anfibia) (enlace praias) e de fronte verás a zona na que se atopa a ermida de Santa Marta a esquerda, Monte Lourido e Monteferro a Dereita, e no medio, unha das illas coñecidas como As Estelas
Continuamos desprazándonos polo paseo marítimo, que pouco despois cambia de pavimento para continuar a ruta por un tramo de madeira, no que o carril peonil e de bicis se mesturan.
Uns metros despois aparece unha bifurcación no paseo e elixiremos o camiño da dereita polo que continuaremos ata rematar a zona de madeira. 
No noso caso, neste punto , tomamos o camiño da esquerda. Facendo un pequeno tramo por asfalto.
Se decides ir a dereita, podes visitar a capela de Santa Marta. é unha zona bonita, pero hai unha forte pendente que non te recomendamos se non vas con cadeira eléctrica, ou tes moita facilidade camiñando.
Tras cruzar o tramo de asfalto , podemos volver acceder ao paseo marítimo.
Xusto na curva, hai unha pequena rampla feita con asfalto para acceder sen problema coa nosa cadeira de rodas (foto A).
O paseo inicia con pavimento de baldosa, con pavimento diferenciando zonas de risco como onde hai plantadas árbores.
Desfrutamos dende aquí da Praia de Santa Marta e diferentes esculturas, as que tamén podes acceder, aínda que nos non o fixemos en esta ocasión. Nesta zona atopamos dúas prazas de mobilidade reducida. 
Despois de camiñar uns metros por unha zona de madeira, saímos do paseo marítimo, para dirixirnos ao paseo do río Baíña. Para isto, debemos cruzar a beirarrúa oposta e camiñar en dirección contraria (xiramos a esquerda) uns metros, onde veremos xa a entrada ao paseo do río indica cunha sinal de SENDA FLUVIAL.
O pavimento de esta zona é de madeira e atópase en moi bo estado. Trátase de un percorrido estreito que vai a beira do Río Baíña, no que a auga cae a cachón, no momento en que nos pasamos (mes de marzo).
O camiño de madeira finaliza xunto a un lavadoiro de pedra. Aquí, o camiño estreitase, pero tódalas cadeiras de rodas pasaron sen problema.
Despois do lavadoiro, debemos subir unha pendente bastante brusca, na que se vas en cadeira de rodas probablemente precisarás axuda. Trátase do único punto con dificultade da ruta.
Xusto ao chegar arriba, por certo, hai outra praza de mobilidade reducida para aparcar. 
A ruta do río Baiña continúa polo outro lado do rio, pero nós non continuamos, xa que nos comentaron que había escaleiras, e a baixada aquí tampouco resulta moi axeitada se tes dificultades de deambulación ou empregas cadeira de rodas, polo que volvemos cara o paseo marítimo en dirección ao parador.
Para isto, debemos face un pequeno tramo por unha zona con bairarrúa de baldosa que non presenta ningunha dificultade.
É un tramo pouco atractivo pero só o precisamos percorrer para voltar ao paseo marítimo.
A zona conta con pasos de cebra situados nun badén, ou con baixadas axeitadas polo que non aparecen desniveis no terreo, e tamén atoparás unha zona con bancos, xusto antes de chegar ao acceso ó paseo marítimo.
Unha vez no paseo marítimo, seguirémolo ata chegar ao parador.
O camiño ten pavimento de pedra e posteriormente, de formigón e de madeira, atópase en moi boas condicións.
Hai barandas , e abundantes zonas de bancos para descansar. Tamén conta con carril bici diferenciado da zona de peóns.
Ao longo do paseo, observaremos vistas do mar, o porto, a lonxa, a carabela Pinta, e veremos ao fondo, o noso destino : O Parador.
A rúa de enfronte, atópase chea de cafeterías e diferentes tendas. 
A altura da parada do autobús, atopamos a estatua de Alfonso IX no centro de Baiona, trátase dunha estatua de bronce dedicada ao fundador de Baiona, Alfonso IX.A construiu o escultor de Tui, Juan Oliveira.
Varios metros despois atopamos a estatua ” Homenaxe ao mariñeiro”, realizada por Manuel Quintas Vergara, apodado “O ferreiro” de Sabarís.
Manuel Quintas Vergara, artista baionés, faleceu no 2017 e o concello de Baiona homenaxeouno colocando unha figura que o representa en Sabarís.
Agora nós continuamos a nosa ruta de fronte, podes cruzar a beirarrúa contraria e acceder a zona vella de Baiona, na que poderás desprazarte con bastante facilidade.
Neste momento atopamos un cambio de pavimento. Ao principio do paseo marítimo é de pedra antiga as xuntas entre elas, polo que pode ser un pouco mais incómodas se vas en cadeira de rodas ou se empregas andador.
Mais tarde atoparemos unha fonte a dobre altura co espazo para acceder con cadeira de rodas. 
Algo despois atopamos un navío, trátase dunha réplica da carabela Pinta que chegou a Baiona o 1 de marzo de 1493 coa noticia do descubrimento dunha “nova ruta ás Indias”. A carabela non é accesible se empregas cadeira de rodas ou se tes dificultade para subir e baixar escaleiras.
Continuaremos a ruta ata que cheguemos a Praia da Ribeira, onde se atopa a entrada ao Parador e o inicio da ruta “Monte Boi” que tamén realizamos en outra ocasión e podes atopar no noso blog .
Neste punto disporás de baño adaptado, (cando estivemos non se atopaban en boas condicións), zona de Pícnic, pistas de baloncesto, un parque infantil, e por último un punto de información turística.
Esta é a ruta accesible que fixemos dende Wikiloc. Esperamos que vos resulte útil.













