Prevención e atención dos trastornos do desenvolvemento infantil

Prevención e atención dos trastornos do desenvolvemento infantil

Prevención e atención dos trastornos do desenvolvemento infantil

Fundación ONCE apoia o proxecto de Prevención e atención dos trastornos do desenvolvemento infantil de Vontade
Na Asociación Vontade levamos varios anos desenvolvendo o proxecto de Prevención e atención dos trastornos do desenvolvemento infantil, unha iniciativa que nace da necesidade de ofrecer unha resposta especializada e continuada ás necesidades de nenos e nenas con trastornos do desenvolvemento ou risco de padecelos, así como ás súas familias.
O desenvolvemento infantil é un proceso único en cada persoa. Por iso, a detección precoz das dificultades e o acceso aos apoios axeitados son fundamentais para favorecer a autonomía, a participación e o benestar desde as primeiras etapas da vida. A intervención non debe centrarse unicamente nas dificultades, senón tamén en potenciar as capacidades de cada neno ou nena e facilitar a súa participación activa nos diferentes ámbitos da súa vida.
A través deste proxecto, Vontade ofrece atención especializada en fisioterapia, terapia ocupacional e psicoloxía, mediante intervencións individuais e grupais adaptadas ás características, necesidades e obxectivos de cada persoa. O traballo parte dunha valoración inicial e dun Plan Individualizado de Atención (PAI), elaborado de maneira coordinada polo equipo profesional e coa participación da persoa usuaria e da súa familia.
O acompañamento ás familias constitúe tamén unha parte esencial do proxecto. Ofrecemos orientación, apoio e asesoramento sobre aspectos relacionados co desenvolvemento, a autonomía, as adaptacións e os produtos de apoio, procurando que as aprendizaxes e estratexias se trasladen á vida diaria e ás diferentes contornas da crianza.
Do mesmo xeito, entendemos que a atención ao desenvolvemento infantil require unha visión global e coordinada. Por iso, traballamos en colaboración con outros profesionais e recursos da contorna, favorecendo a coordinación entre a familia, a escola, os servizos sociais, sanitarios e outros axentes que participan na vida dos nenos e nenas.
O proxecto tamén permite reforzar o servizo de Atención Temperá da Mancomunidade do Baixo Miño, contribuíndo a complementar os recursos existentes e a mellorar a resposta ás necesidades da infancia de 0 a 6 anos. Esta colaboración permite sumar capacidades e recursos para ofrecer unha atención máis completa e axeitada.
Previr, detectar, intervir e acompañar son os eixes dunha intervención que busca non só atender as necesidades presentes, senón tamén contribuír a construír traxectorias de maior autonomía e inclusión.
O proxecto continúa desenvolvéndose en 2026 grazas ao apoio da Fundación ONCE, no marco da Convocatoria General de Proyectos 2026, xestionada a través de COCEMFE, que fai posible dar continuidade a este traballo e seguir acompañando ás crianzas e ás súas familias no Baixo Miño.



Colaboradores